Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Programación do FanCine de Lemos

Mércores, Xullo 21, 2021 - Martes, Xullo 27, 2021

O Ateneo Casino acollerá varios eventos da sétima edición do festival de cine fantástico FanCine de Lemos, que terá lugar en Monforte do 21 ó 25 de xullo.

Do mércores 21 ó domingo 25. Exposición de Noemí Vázquez

Noemí Núñez (Lugo, 1987), licenciada en Belas Artes, con formación en artes gráficas, serigrafía e gravado.

Retratos, rostros enmascarados, caveiras e criaturas fantásticas abundan nun imaxinario con aires escuros que resultan do proceso de combinar figuración e abstracción. Utiliza a pintura de forma material xerando volume. Na súa etapa máis recente aparecen novas formas e figuras de carácter máis vivo e cores fortes e intensas.

Esta exposición inclúe diversas pezas de diferentes etapas da súa carreira artística contemplando parte da súa obra máis recente e algunha peza inédita.

Exposición aberta durante os eventos do FanCine no Ateneo e mais mércores e venres de 17:00 a 20:00.

Mércores 21 de xullo. 22:30h. Ciclo Santa Sangre

Unha selección de curtametraxes iberoamericanas protagonizan a primeira sesión do Ciclo Santa Sangre, cunha antoloxía de títulos chilenos en colaboración co Santiago Horror Film Festival.

Xoves 22 de xullo. 12:00h. Taller de efectos especiais con Alberto Hortas (4Ojos Estudio)

Volve Alberto Hortas ao FanCine de Lemos cunha demostración sobre maquillaxe FX co obxectivo de coñecer novos campos de escultura no mundo dos efectos especiais. Unha conferencia onde nos contará a súa experiencia profesional en diversas empresas de FX.

4Ojos Estudio está situado na Coruña onde Alberto ofrece os servizos de creación e deseño de maquillaxe con prótese, réplicas humanas, bonecos e puppets. Para iso traballa cos materiais de maior calidade e as técnicas máis actuais para así poder conseguir os mellores acabados.

Xoves 22 de xullo. 23:00h. O Baúl do Horror

Estreamos sección no Ateneo Casino cunha sesión golfa de cinema de xénero onde rescataremos aqueles filmes máis descoñecidos para a audiencia e que con todo, forman parte esencial da historia do cinema fantástico. Película sorpresa que só os asistentes poderán descubrir. Sen dúbida unha cita que fará as delicias do  gourmet máis esixente.

Venres 23 de xullo. 12:00. Contos de cine

Cando imos ao cinema, comezamos unha viaxe a través de historias fantásticas e incribles que nos entreteñen e emociónannos como cando nos contan un conto ben contado.

En Contos de Cinema, Pedro Brandariz unirá estes dous universos, o da narración e o do cinema para entreternos e emocionarnos con historias que suceden en salas de cinema, por exemplo a historia de Totó, o neno de Cinema Paradiso.

 

Humor, misterio, tenrura, imaxinación e fantasía serán algúns dos principais argumentos desta película contada ou deste conto fílmico que é ‘Contos de Cinema’.

Venres 23 de xullo. 12:30. Mirai, Mi hermana pequeña (Mamoru Hosoda, 2018. 100min.)

A película de animación xaponesa máis premiada dos últimos anos, nomeada aos  Oscars, aos Globos de Ouro e aos Critics Choice Awards, entre moitos outros.

Kun, un neno mimado e consentido de catro anos ao que os seus pais deixan de prestar atención cando nace a súa irmá Mirai, empeza a sufrir situacións en casa que nunca vivira. Pero entón, a versión adolescente da súa irmá viaxa no tempo desde o futuro para vivir xunto a Kun unha aventura extraordinaria máis aló do imaxinable.

Domingo 25 de xullo. 18:30. Compoñer bandas sonoras

Unha charla con Sergio Moure na que nos falará do proceso de creación musical dos seus traballos Extinction e Lobos de Arga. Unha oportunidade única de escoitar ao  multipremiado compositor.

Domingo 25 de xullo. 20:00. Peche Fancine de Lemos

Despedida e peche da VII edición do FanCine con entrega de premios das curtametraxes gañadoras da sección oficial que poderemos ver repetidos nunha sesión especial que incluirá aos mellores curtos, nacional e galego e ao premio do público.

 

Detalles

Comezo:
Mércores, Xullo 21, 2021
Remate:
Martes, Xullo 27, 2021
Categoría do Evento:
Evento Etiquetas:
, ,

Cremos na Cultura como eixo vertebrador comunitario. Queremos levar o Casino ao século XXI converténdoo nun centro cultural de referencia en Monforte e a Terra de Lemos. Ofrecemos actividades ao redor das artes, a ciencia e a cultura en xeral. A nosa filosofía está atravesada pola transversalidade, a pluralidade e a integración.