O gran camiño

Proxección coa presenza dos directores

O venres 22 de abril proxéctase no Ateneo o documental O gran camiño, coa presenza dos seus directores, Alba Prol e Raúl García, e a presentación a cargo do produtor monfortino Iván Patiño.

O gran camiño é un percorrido de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo. Nomeado a mellor documental na edición 2022 dos Mestre Mateo, o filme foi gañador de máis de vinte premios internacionais.

O documental é narrado en primeira persoa polos directores Alba Prol Cid e Raúl García, dous cineastas que deciden emprender unha aventura por todo o mundo. Percorren a pé rutas icónicas como o Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, e tamén o Camiño de Santiago.

O seu percorrido vai máis alá de camiñar; é unha viaxe máis profunda que explora temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflitos sociais, a espiritualidade, o coidado do noso planeta ou o auto-coñecemento.

A proxección será o venres 22 de abril ás 20:15 no Ateneo Casino de Monforte de Lemos. O acceso é libre, previa reserva no teléfono 648 435 033.

Cremos na Cultura como eixo vertebrador comunitario. Queremos levar o Casino ao século XXI converténdoo nun centro cultural de referencia en Monforte e a Terra de Lemos. Ofrecemos actividades ao redor das artes, a ciencia e a cultura en xeral. A nosa filosofía está atravesada pola transversalidade, a pluralidade e a integración.