Roberto Mera presenta o seu libro sobre o deputado republicano Alejandro Viana

O avogado e politólogo Roberto Mera Covas presenta o 12 de febreiro no Ateneo Casino o seu libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos (Belagua Ediciones). Acompañarán ao autor o xornalista Xosé Manuel Pereiro e o ex-alcalde Severino Rodríguez.

Na Europa ocupada polos nazis miles de exiliados republicanos españois devecían por chegar a América para salvar as súas vidas. A intervención de Alejandro Viana, tío bisavó de Roberto Mera, foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17000 refuxiados republicanos tras o comezo da guerra civil española.

Mera constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida do deputado republicano Alejandro Viana, que fuxiu a Francia e arriscou a súa vida para salvar a decenas de miles de refuxiados republicanos.

En 1941, acosado pola Falanxe e a Gestapo, emprendeu unha desesperada fuxida. Logo de once meses de anguriante viaxe por África, logrou chegar a México. Alí reencontrouse tempo despois coa súa dona, tras once anos de separación, e viviu coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra. Finou en México en 1952.

A presentación será o sábado 12 de febreiro ás 19:30. O acceso será libre ata completar capacidade. 

Cremos na Cultura como eixo vertebrador comunitario. Queremos levar o Casino ao século XXI converténdoo nun centro cultural de referencia en Monforte e a Terra de Lemos. Ofrecemos actividades ao redor das artes, a ciencia e a cultura en xeral. A nosa filosofía está atravesada pola transversalidade, a pluralidade e a integración.

Máis
Clases de baile