Amparo Escrich ofrece no Ateneo Casino o taller de cerámica ‘Crea o teu conxunto de almorzo’.
Son tres horas de duración, o sábado 30 de abril de 17:00 a 20:00 horas. No taller, cada participante creará a súa propia cunca, con prato e culler incluídos. Cada peza que se crea será única e personalizada.
Crearanse en gres e pintaranse con pigmentos cerámicos. Non é preciso ter coñecementos previos para participar.
Para realizar as pezas, os participantes aprenderán diferentes técnicas de traballar o gres e tamén de decorado. Cada persoa terá liberdade creativa para crear o seu propio conxunto ao seu gusto.
Unha vez realizadas as pezas, hai que deixalas secar para despois seren vernizadas e sometidas a unha dobre cocción no taller de Amparo para que poidan usarse como peza culinaria. As pezas estarán listas para a súa recollida pasadas unhas 3 semanas.
O taller inclúe todo o material: barro, pinturas, pinceis, paus para modelar, etc. O grupo está limitado a 15 persoas.
O prezo de participación son 20€ socios/as do Ateneo e 23€ non socios/as.
As inscricións débense realizar no teléfono 648 435 033.
Amparo Escrich Albentosa é oriúnda de Valencia, aínda que actualmente reside na Comarca de Lemos. Ten máis de 20 anos de experiencia como ceramista. Ten impartido talleres desta arte en asociacións culturais, varios colexios de Lemos, así como en cursos organizados por Artesanía de Galicia.