- Este evento pasou.
Proxección cos directores: ‘O gran camiño’
Venres, Abril 22, 2022/ 8:15 p.m. - 10:00 p.m.
O venres 22 de abril proxéctase no Ateneo o documental O gran camiño, coa presenza dos seus directores, Alba Prol e Raúl García, e a presentación a cargo do produtor monfortino Iván Patiño.
O gran camiño é un percorrido de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo. Nomeado a mellor documental na edición 2022 dos Mestre Mateo, o filme foi gañador de máis de vinte premios internacionais.
O documental é narrado en primeira persoa polos directores Alba Prol Cid e Raúl García, dous cineastas que deciden emprender unha aventura por todo o mundo. Percorren a pé rutas icónicas como o Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, e tamén o Camiño de Santiago.
O seu percorrido vai máis alá de camiñar; é unha viaxe máis profunda que explora temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflitos sociais, a espiritualidade, o coidado do noso planeta ou o auto-coñecemento.
A proxección será o venres 22 de abril ás 20:15 no Ateneo Casino de Monforte de Lemos. O acceso é libre, previa reserva no teléfono 648 435 033.